"Arqueológicas" é unha App gratuíta para iOS(iPhone e iPad) e Android (móbiles e tablets), que ofrece un xeito totalmente innovador de desprazarse polo contido do libro. O propio autor redefiniu a App como unha ferramenta que transforma o seu libro nunha enciclopedia dixital pois permite, seleccionando os conceptos máis relevantes a partir dunha nube de tags, que o usuario poida navegar entre eles de forma sinxela e eficaz, realizar buscas, consultar bibliografía, citar os textos, e moito máis. A App é un instrumento para facer lecturas transversais do texto, diferentes ás que impón a linealidade da escritura, elixidas libremente polo usuario e orientadas polos seus tópicos de interese.
Unha aplicación imprescindible para persoas interesadas tanto na arqueoloxía, a historia e o patrimonio cultural, coma no diálogo interdisciplinar en humanidades e ciencias sociais.
"Arqueológicas. A razón perdida", de Felipe Criado-Boado é un libro publicado por Edicions Bellaterra de Barcelona (Catalunya, España) no ano 2012, cuxo texto trata temas de teoría arqueolóxica, condicións da produción do coñecemento arqueolóxico e teoría da interpretación. Formula unha aproximación orixinal ao problema da construción de sentido nunha sociedade marcada pola multivocalidade e o multiculturalismo, onde o necesario respecto ás formas de saber alternativas a miúdo colisionan co coñecemento científico. No libro se busca unha solución deste problema que, evitando o subxectivismo relativista e solipsista, facilite a comprensión intercultural.
Felipe Criado-Boado (Linkedin | academia.edu) é Profesor de Investigación do CSIC
“Arqueológicas” é un Proxecto do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)
Este proxecto foi financiado no marco do Programa de Investigación Consolider 2007-00058 TCP “Tecnoloxías para a conservación e valorización do Patrimonio Cultural”.